MONTSE PENA PRESAS, JORGE GARCÍA MARÍN E A NOSA BIBLIOTECA.

LEE ESTA ENTRADA EN ESPAÑOL

O mércores, 11 de decembro de 2019, recibimos a Montse Pena Presas, nunha actividade que se organizou dende a biblioteca do centro.  Con ela falamos de literatura e igualdade.

Montse forma parte, como nai, da comunidade educativa da nosa escola. É profesora titular de Didáctica da Lingua e a Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da USC, crítica literaria e especialista en literatura infantil e xuvenil.

Nesta obra ponse de manifesto a influencia que os movementos feministas tiveron na literatura infantil e xuvenil galega e a loita a favor da educación en igualdade que levaron a cabo.

Este encontro con docentes e familias partiu da grande importancia de ler e da posibilidade que a lectura nos ofrece para ser persoas “críticas”. Centrouse especialmente na literatura infantil e falounos do que supuxo e está a supoñer a visión feminista da literatura infantil e xuvenil que levou á recuperación de autoras, á aparición nas obras de personaxes que representan novas masculinidades ou de personaxes LGTB e a outras maneiras de reescribir ou de achegarse aos contos clásicos.

Deunos as claves de como saber se unha obra é feminista así, debemos fixarnos no argumento, nas temáticas, nos personaxes que abondan, nos espazos nos que estes se moven e na linguaxe, en se é inclusiva ou non.

Por último, achegounos unha chea de propostas lectoras, das que tomamos boa nota.

Máis ca nunca é imprescindible poñer lentes violetas e, como sinala Montse, debemos ler “en violeta” para poder construír unha ponte sólida cara á verdadeira coeducación.

O traballo de Montse está moi relacionado coa obra que acaba de publicar Jorge García Marín, profesor de Socioloxía da Educación, tamén na Facultade de Ciencias da Educación da USC, que imparte docencia no máster “Igualdade, xénero e educación” e que está vinculado a diferentes grupos de investigación en temáticas de xénero.

Jorge formou parte tamén durante moitos anos da comunidade educativa do noso centro como pai dunha alumna e, ao igual que Montse, participou en encontros coas familias e coas/cos docentes do López Ferreiro para falarnos de videoxogos, da idoneidade ou non dos seus contidos, dos criterios de selección e do tratamento dos roles de xénero.

Esta obra,  Papá por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo ) masculinidades disidentes,  que se presentou o día 13 deste mes de xaneiro en Compostela, fainos reflexionar sobre as consecuencias do patriarcado en canto á definición de papeis diferenciados para homes e mulleres, unha cuestión sociocultural onde nada ten que ver o sexo.

Estivemos na presentación do libro na libraría Lila de Lilith

Vén a dicirnos que hai que desaprender eses roles de xénero tradicionais e camiñar cara a outros modelos (“modelos disidentes”) que contribúan a desenvolver relacións máis igualitarias en todos os ámbitos: persoal, familiar e laboral. Sinala que os homes deben ser capaces de cambiar e de potenciar un “modelo masculino máis igualitario, empático, implicado na consecución da equidade; non violento, non machista, non xerárquico, e que viva a paternidade ou os coidados de forma máis plena e consciente, participando activamente na educación dos fillos ou persoas da contorna, ofrecendo ese modelo significativo compartido”.

Gustounos moito que este traballo parta de cuestionarse a educación que lle estamos a ofrecer aos nenos e ás nenas,  que lle dea tanta importancia á etapa de educación infantil e que sexa un neno de tres anos, Martiño, o que faga preguntas e dea respostas propias dun modelo de masculinidade “disidente”.

Pareceunos moi relevante que propoña para a construción dunha masculinidade igualitaria un traballo en tres dimensións, que denomina: “homo ludens, homo sapiens e homo ambulans

Para a construción da dimensión do “homo sapiens diverxente”, preséntanos no libro unha fantástica selección de contos, e ao respecto, dálle as grazas a Patricia Porto, da libraría Lila de Lilith e a Montse Pena, que sinala o autor que foron as súas asesoras.

A partir do encontro con Montse, xa tiñamos claro que no próximo encontro lector da nosa biblioteca iamos ler, polo menos, unha das recomendacións que ela nos fixera e, despois de ler o libro de Jorge unhas semanas antes da presentación, quixemos pór en marcha, o primeiro encontro lector para o alumnado mais xove do noso centro.

Escollemos A historia do touro Ferdinando,  un libro clásico, de 1936. O texto de Munro Leaf foi publicado en plena Guerra Civil Española e quixo ser unha contribución á causa da paz. Foi un libro que estivo prohibido durante la ditadura franquista en España e polos nazis en Alemaña, por consideralo “propaganda democrática e pacifista”.

En palabras de Jorge García Marín, Ferdinando representa as “masculinidades non belixerantes e pacifistas”. Este touro sensible prefire a tranquilidade dun prado á loita, Gústalle ulir as flores, sentado debaixo dunha sobreira,  e non competir cos outros touros en afouteza.

Cremos, como sinala a crítica literaria, que é unha obra de grande calidade e de gran beleza plástica e poética, pola que non pasou o tempo. Pareceunos, ademais, un dos libros máis acaídos para celebrar o Día Escolar da Non-violencia e a Paz .

Non esquezamos que os libros son a mellor arma coa que combater a sen razón das guerras.

A sesión foi unha festa. O alumnado de 1º de Primaria e moitas da nais e dos pais, foron facendo a lectura do texto coa atenta escoita do alumnado de Infantil.

Ao rematar a lectura comentamos a impresión que nos causara esta obra.

A todas e a todos lles gustou moito este conto; as máis pequenas e pequenos pensaban que se podía ser touro e ser valente sen pelexar e que podiamos ser felices sen facer o que fai a maioría.

As familias valoraron especialmente a actitude da nai de Ferdinando, “o acompañamento respectuoso na súa decisión”, aínda que as veces sexa difícil.

Queremos dar as grazas dende aquí, de novo, a Montse e a Jorge, polos seus fantásticos traballos e por todo o que están a enriquecer o noso coas súas achegas e coas conversas que puidemos ir mantendo.

Tamén queremos agradecer ás familias a súa participación neste primeiro encontro lector para as/os máis pequenas/os do centro. Todo un éxito que terá continuación!

2 comentarios en “MONTSE PENA PRESAS, JORGE GARCÍA MARÍN E A NOSA BIBLIOTECA.

  1. Jorge García Marín dijo:

    Moitas grazas polo voso traballo.

    Sen dúvida con profesoras como vos en Educación Infantil un pode soñar un mundo mellor, mais igualitario, mais xusto.

    Me gusta

Deja un comentario