Educando para o conflito: 30 de Xaneiro, Día Escolar da Paz.

LEE ESTA ENTRADA EN ESPAÑOL

O 30 de Xaneiro celébrase o Día Escolar da Paz e a Non Violencia. A data para esta conmemoración foi elixida por ser o día do asasinato de Mahatma Gandhi, pensador, gran pacifista e practicante da desobediencia civil non violenta.

Antes de afondar no traballo de aula que desenvolvemos co noso alumnado nesta data, quixeramos facer mención a un par de aspectos que nos parecen salientables:

En primeiro lugar, a reivindicación da palabra «nonviolencia«, un termo cuxa acepción está ausente (con e sen guión) tanto na Real Academia da Lingua Española (RAE) como na Real Academia da Lingua Galega (RAG). Se queredes afondar no significado deste concepto podedes ler o artigo de Montse Prieto onde o define como:

«La actitud humana que implica relacionarse con el entorno sin tratar de imponerse a él a través de la fuerza. Es más que oponerse a la violencia de los otros. Es comprometerse con uno mismo en una postura existencial de relación a través de la cooperación y el consenso, y tratar de extenderla como conducta social».

Montse Prieto en Mundo sin guerras y sin violencia

En segundo lugar e cambiando o enfoque, parécenos oportuno nesta conmemoración destacar como punto clave da escola a educación para o conflito.

Cando educamos para a paz un só día ao ano e falamos unicamente ao alumnado de persoas destacadas na construción mundial da paz, pintamos pombas brancas ou preparamos actividades puntuais que transmitan a mensaxe de que debemos ser amigas/os de todas/os, evitar as pelexas e axudar ás/aos demais no que poidamos… estamos realmente construíndo culturas de paz? Todas estas accións son válidas e necesarias, pero a educación para a paz non pode limitarse a xestos baleiros de contido e relegarse a un único día ao ano. Para educar para a paz precisamos educar para o conflito, aínda que a primeira vista poida parecer contraditorio. O conflito é algo inherente ao ser humano, independentemente da súa idade, polo que a escola ten a responsabilidade de acompañar neste camiño cara á súa resolución pacífica.

Na seguinte entrevista podedes escoitar a Paco Cascón explicando como educar para o conflito, partindo do traballo cooperativo e emocional.

Para concluír, e pola contribución que implica para a docencia, parécenos imprescindible facer mención á escaleira da provención (sí, con O).

A parte esquerda da escaleira clarifica a maneira en que nós como docentes debemos intervir nos conflitos dende os seus estadios iniciais, sen esperar a chegar a un momento de crise. Coñecer esta información é de gran utilidade, pois dá pistas sobre os pasos a seguir para cohesionar o noso grupo e mellorar a comunicación entre as persoas que forman parte del, a fin de acadar unha cooperación real. Neste lado da escaleira indícase que o primeiro a abordar, para «facer grupo», é adicar tempo suficiente a xogos e dinámicas de presentación, coñecemento, aprecio e confianza. Desta maneira seremos quen de subir con firmeza o resto de chanzos. Por suposto, sempre podemos volver a dinámicas deste primeiro andar en momentos nos que o grupo precise afondar no coñecemento mutuo ou recuperar confianzas perdidas.

Na escaleira da dereita, amósanse as implicacións que ten para o profesorado cada parte do proceso anterior. Neste enlace atoparedes ao completo o texto no que se explican estes conceptos con maior profundidade.

Dito isto, e tras comprender que na nosa planificación de aula nos apoiamos na escaleira de provención para afondar no conflito dende o inicio, quixeramos compartir con vós as actividades puntuais que desenvolvemos o pasado 30 de xaneiro para conmemorar o Día da Paz.

Como o noso alumnado cursa 4º de Educación Infantil (3 anos), pareceunos interesante amosarlles as presentacións que o curso pasado elaboraramos co grupo que agora está en primaria. Estes carteis e vídeos céntranse no traballo dalgunhas das mulleres recoñecidas co Premio Nobel da Paz.

Ademais disto, recitamos ante o resto do ciclo as dúas primeiras estrofas do poema «Aros de Paz» de Antonio García Teijeiro.

Os nenos camiñan e xogan e brincan por aros dourados que ateigan de risas.

E xiran trouleiros os aros na neve rachando as miserias que a Terra non quere.

«Mentres haxa racismo, discriminación e exclusión dificilmente poderemos alcanzar un mundo de paz»

Rigoberta Menchú

6 comentarios en “Educando para o conflito: 30 de Xaneiro, Día Escolar da Paz.

Deja un comentario