TEMPO DE AGRADECER

LEER ESTA ENTRADA EN ESPAÑOL

Neste tempo que nos está a tocar vivir, no que a saúde das persoas periga e os cimentos da estrutura social tremen, tivemos que adaptarnos a unha nova e complexa situación.

Vivimos un tempo, difícil, excepcional e de incerteza, no que, ás veces, se esquece a infancia, no que a miúdo non se repara na diversidade, no que a linguaxe inclusiva parece non ter importancia.

Queremos agradecer todo o que estamos a recibir das persoas que, xa habitualmente, están dispostas a colaborar con nós.

GRAZAS a Helena Villar. Ela, como en anos anteriores, tería estado con nós e co noso alumnado o día 16 de marzo, precisamente cando se declarou o estado de alarma. Con ela iniciabamos, na nosa aula e na biblioteca do centro, a semana da poesía. Aos poucos días de empezar o confinamento, Helena xa se puxo en contacto connosco, para preguntarnos en que podía botarnos unha man, e agasallounos cuns fermosos poemas, que supuxeron unha grande sorpresa para o noso alumnado.

GRAZAS á biblioteca do centro e ao seu equipo, por ofrecer moitas e boas propostas para as nosas nenas e nenos e para as familias.

GRAZAS ás mestras que tiñamos facendo as prácticas do Grao de Educación Infantil que, pese a ter rematado ese período de prácticum e pese ás circunstancias, seguen a colaborar con nós. O noso agradecemento tamén ás alumnas do Prácticum DIDES da USC, que só puideron desenvolver unhas prácticas virtuais e que estiveron dispostas a acomodarse tamén a esta situación de excepcionalidade.

GRAZAS ás familias e ao noso alumnado dos cursos pasados, que nos fai a súas achegas e nos permite ver as boas sementes que plantamos. O traballo dos cursos anteriores con figuras femininas evolucionou, pero quedou a pegada daquelas grandes mulleres que o alumnado coñeceu nas aulas de infantil ao longo de tres anos.

GRAZAS a todo o profesorado da USC que colaborou connosco, polas súas propostas; e ao Seminario EXDEHU por axudarnos a medrar no plano emocional e a favorecer a convivencia e o benestar do noso alumnado.

Este tempo de escolas pechadas sérvenos para darnos conta do importante que é a relación directa entre as pequenas e pequenos e nós, as mestras e mestres. Esa rede de contactos, que tecemos entre toda a comunidade escolar, que posibilita a construción de lazos afectivos, non é posible artellala de xeito virtual.

A escola é o espazo socializador por excelencia, onde máis interaccionan os nenos e as nenas ao longo da súa infancia. A través da escola, o alumnado conforma a súa identidade persoal e social.

Nas aulas formámonos e conformámonos como persoas, a través do contacto cos e coas demais. Nestes primeiros anos, especialmente, comezamos a deseñar a nosa maneira de relacionarnos e de participar na vida en comunidade.

O confinamento que vivimos, serviunos, unha vez máis, para darnos conta de que esa escola, presencial, é a única que serve para compensar as desigualdades porque, dentro da aula, todas e todos reciben o mesmo apoio.

GRAZAS, especialmente, ao alumnado deste curso e ás súas familias. Foi doado atopar puntos de encontro para entendernos e comunicarnos, máis se cabe nestes momentos. O alumnado mostrouse receptivo e participativo, o que, xunto á colaboración das familias, nos permitiu seguir avanzando.

GRAZAS, de verdade, a todas e a todos polas vosas achegas; por valorar, aceptar e respectar as nosas propostas e o noso traballo; por entender, coma nós, que o importante é coidar o ámbito emocional; por dar valor á diversidade… En definitiva, por axudarnos a mellorar.

Un comentario en “TEMPO DE AGRADECER

Deja un comentario