A educación como prioridade nos tempos da pandemia.

LEER ESTA ENTRADA EN ESPAÑOL

Se consideramos que a saúde é o “estado completo de benestar físico, mental e social, non só a ausencia de afeccións ou enfermidades” (OMS), a escola xoga un papel fundamental, pois as aulas son o lugar idóneo para desenvolver os autocoidados e a promoción de estilos de vida saudable. Tamén son o mellor lugar para traballar coas pequenas e pequenos a xestión dos pensamentos e das emocións, onde mellor se crean as relacións sociais e onde mellor se pode preparar para participar activamente e en igualdade na sociedade. A escola é a grande compensadora das desigualdades, iso sabémolo ben as/os docentes. Desgraciadamente, as circunstancias que estamos a vivir poden facer que iso non sexa posible e que, ademais, se produza un grande retroceso en moitas das dinámicas e adquisicións que se foran acadando nos nosos centros e que tanto custara chegar a elas. Con respecto ás afeccións e enfermidades, no caso da COVID-19, se a volta ás aulas non se realiza con garantías, poderiamos botar abaixo os alicerces que sosteñen a escola e a saúde.

Nas aulas de infantil precísase apego, educación dende o afecto e o respecto, e espazos de calma. É por iso que intentamos facilitar pautas de convivencia que propicien a prevención e a redución dos conflitos; tarefa que, nos tempos que se aproximan, será difícil de artellar e de consolidar. Nesta etapa, máis ca en ningunha outra, o desenvolvemento e aprendizaxe que se realiza son produto da interacción co contorno. Como sinala un proverbio africano, moi utilizado por filósofas/os e pedagogas/os, “para educar a unha/un nena/o fai falla unha tribo enteira”. Todas/os nas escolas somos integrantes da “tribo”, todas/os aprendemos unhas/uns de outras/os. Aprendemos e aprenden a pensar grazas a esa interacción; grazas a esa vida en sociedade que propician os centros, aprendemos todas e todos a vivir.

A escola é socialización e dende o noso posto na sociedade, somos responsables da educación das nosas nenas e dos nosos nenos.

Nestes tempos xorden voces a favor da ensinanza da educación no fogar. Temos que sinalar que, aínda valorando os seus aspectos positivos (como pode ser a posibilidade de adaptación aos intereses e ritmos de aprendizaxe de cada neno/a), a educación exclusivamente na casa non garante a socialización que as nenas e os nenos precisan. Por outra parte, hai que valorar se as familias teñen a disposición e a formación necesaria para levar a cabo esta tarefa coa dedicación precisa.

Onde quedan todos estes aspectos tan fundamentais nos protocolos e plans da Administración? Como vai xogar o noso alumnado “de xeito individual”? Como vai aprender a compartir “evitando estar encarado a unha distancia inferior a un metro”?

O protocolo da Consellería obvia o descoñecemento de moitos aspectos do funcionamento interno dos centros e, o que é máis grave, descoñece as características psicoevolutivas do alumnado de Educación Infantil e a grande importancia desta etapa. As Administracións céntranse máis no carácter asistencial que se nos outorga e nas necesidades laborais das familias, que no desenvolvemento das/os pequenas/os. Novamente somos as/os grandes invisibles.

Nestas circunstancias precisariamos, máis ca nunca, do consenso entre os diferentes membros da comunidade educativa, administración, sindicatos… E isto en Galicia non se produciu. Por que non temos un documento consensuado como o teñen, por exemplo en Valencia? Por que non se destina á educación o orzamento que, para tal efecto, o goberno central destinou ás comunidades autónomas? Por que en Galicia se contrata a menos docentes que noutras comunidades? Por que recae tanta responsabilidade nos equipos directivos? Por que non se contrata persoal sanitario? Por que se organizan equipos COVID sen formación sanitaria nin en riscos laborais? Ademais, cabería preguntarse por que o goberno central permite que dúas semanas antes de que abran os centros haxa tantas incertezas, ou por que se deixan tantos aspectos importantísimos simplemente en mans da boa vontade das/os docentes. As preguntas serían innumerables.

Quizais, se a educación fose unha prioridade para as administracións, non teriamos que formulalas.

Recomendámosvos estas lecturas:

https://praza.gal/acontece/a-burocracia-asolaga-o-profesorado-na-volta-as-aulas-mais-incerta-pola-covid-19-necesitamos-seguridade

https://www.facebook.com75084861845/posts/10157592332006846/

Un comentario en “A educación como prioridade nos tempos da pandemia.

Deja un comentario