APRENDER A PENSAR: O PENSAMENTO DIVERXENTE NA EDUCACIÓN INFANTIL

LEER ESTA ENTRADA EN ESPAÑOL

«Quen queira ensinarnos unha verdade, que non no lo diga: que nos sitúe de modo que a descubramos nós»

José Ortega y Gasset (1883-1955)

A COVID-19, fixo que deixaramos a un lado moitas propostas que, se ben criamos interesantes, non eran imprescindibles.

O ter que baleirar o espazo físico das aulas daquilo superflúo fixo que tamén desbotaramos da nosa programación de aula algunhas actividades que viñamos desenvolvendo e quedaramos co esencial: “Aprender a pensar”.

Esta proposta ten como referentes a Matthew Lipman e a súa “Philosophy for Children”, os traballos de Irene Puig e Angélica Sátiro e os cursos de formación con esta última e con Carmen Loureiro López.

Queremos destacar tamén que hai dúas obras que nos convidaron, especialmente, a xogar e a aprender a pensar co noso alumnado neste curso: Tinta de Luz, de Pepe Cáccamo e Berta Cáccamo e Què li diu?, de María Dalmau.

A idea é que as pequenas e pequenos saiban tomar decisións, sexan máis reflexivos/as, considerados/as e razoables… Que pensen mellor por si mesmos/as.

O acto de pensar exprésase a través da linguaxe (o logos de Heráclito e Aristóteles). Debemos potenciar catro estratexias básicas: escoitar, falar, ler (achegamento a situacións reais de lectura) e escribir (achegamento a situacións reais de escrita).

Queremos que melloren a “calidade” do seu pensamento, eliminando prexuízos, tendo en conta que a maioría das veces non hai respostas únicas e que é fundamental que sexan quen de suxerir novas preguntas.

Queremos que sexan pensadores e pensadoras autónomos/as.

Calquera situación escolar é boa para reflexionar co noso alumnado, non se debe deixar escapar ningunha ocasión que mereza admiración, que desperte a curiosidade, que leve consigo unha pregunta. Para iso debemos:

  • Preparalos/as metodoloxicamente, sentalos/as en círculo, respectar as quendas á hora de falar, escoitarse…
  • Potenciar a oralidade con actividades como o faladoiro, onde permitamos que describan e expliquen as súas experiencias e sentimentos.

A partir de aquí poderemos traballar diferentes habilidades cognitivas

Habilidades de razoamento, as que nos serven para defender e xustificar as nosas ideas, actitudes…

Habilidades de investigación, aquelas que nos permiten clasificar, planificar, formular hipóteses, experimentar e comprobar ditas hipóteses.

Habilidades de conceptualización e análise, as que nos serven para desenvolver a capacidade de abstracción (son imprescindibles para desenvolver esta habilidade as actividades plásticas, os contos e o xogo simbólico).

Habilidades de formulación, as que nos serven para narrar, describir, interpretar, traducir á linguaxe corporal, plástica…

Como o materializamos?

  • A través do traballo emocional, de xogos e actividades lúdicas de observación e experimentación.
  • A través da literatura, principalmente dos contos, da tradición oral e do texto poético en xeral.
  • A través da arte, especialmente a pintura, pero tamén a música, o teatro e a danza.
  • A través de xogos e actividades lúdicas de observación e experimentación.

Opinamos que, para levar a cabo esta proposta, debemos partir dunha concepción determinada da educación e da comunicación e sustentarnos en expectativas positivas.

Concepción da educación: Centrada no proceso, non no resultado. Pretende que o alumnado non adquira só contidos, senón que sexa capaz de organizalos, de relacionar… Unha educación que ensina a pensar e na que alumnos e alumnas aprenden a aprender.

Concepción da comunicación: Comunicarse é unha acción de dobre dimensión: está, neste caso, o/a alumno/a e o/a mestre/a. E de dobre dirección: é un intercambio que vai dun lado ao outro. Por outro lado, dificilmente se pode concibir a acción educativa sen un/unha docente e un/unha alumno/a que establecen un vínculo educativo grazas á comunicación. Para que exista verdadeira comunicación, as mensaxes de ambas as partes deben quedar claras e ten que haber un verdadeiro intento de entender e de ser entendido.

Diferentes autores/as coinciden en que, para levar a cabo unha auténtica comunicación, precísase unha sólida formación en educación emocional, tanto para aplicala consigo mesmo/a como para tela en conta na interacción co alumnado.

Hai que reconducir as metodoloxías, que deberán ser máis participativas por parte do alumnado e haberá que ter en conta a aprendizaxe cooperativa e colaborativa. Pero, sobre todo, as/os docentes terán que saber comunicar. A comunicación na aula é, por tanto, un aspecto fundamental sobre o que se debe reflexionar e actuar.

A comunicación cos nenos e nenas é básica para a construción do concepto de si mesmo/a e para desenvolver as habilidades cognitivas que os/as fagan autónomos/as. Os educadores ou as educadoras deben traballar sempre sendo conscientes de que na súa relación con rapaces e rapazas están transmitindo continuamente unha serie de datos e informacións que favorecen a elaboración da súa identidade e que axudan ou non ao desenvolvemento da súa autonomía.

As expectativas do/a mestre/a e a “profecía autocumprida”:

Rosenthal e Jacobson (1988) opinan que, nalgúns casos, as expectativas positivas ou negativas coas que se etiqueta ás veces ao alumnado están directamente relacionadas co seu rendemento académico e coas cualificacións escolares. Isto ocorre porque o profesorado trata de moldear ao alumnado para que se acomode ás súas expectativas. Este aspecto impediralle desenvolver a súa propia identidade e obstaculizará o seu desenvolvemento xeral; ademais os/as alumnos/as preocúpanse por esas expectativas.

As/os docentes temos a capacidade de producir cambios (positivos ou negativos) no noso alumnado a través das mensaxes que emitimos e das expectativas que xeramos. Por iso, debemos ser conscientes deste feito e facer todo o posible para utilizar de xeito positivo a influencia que teñen estas expectativas, para acadar o mellor desenvolvemento das nosas pequenas e dos nosos pequenos.

Remitímosvos como EXEMPLOS:

Que sinto? Como me sinto: https://sentindoenfeminino.wordpress.com/2019/10/02/que-sinto-como-me-sinto-primeiros-pasos-da-identificacion-emocional/ (para aprender a pensar coas emocións)

A tradición oral e o texto lírico na Educación Infantil:https://sentindoenfeminino.wordpress.com/2019/12/17/xvi-xornadas-lix-con-helena-villar/ (para aprender a pensar a través dos textos poéticos)

En próximas entradas achegarémonos ao traballo que estamos a desenvolver: APRENDER A PENSAR A TRAVÉS DA EXPRESIÓN PLÁSTICA E O ACHEGAMENTO ÁS OBRAS DE ARTE.

Un comentario en “APRENDER A PENSAR: O PENSAMENTO DIVERXENTE NA EDUCACIÓN INFANTIL

Deja un comentario