Prevención do abuso sexual en educación infantil

LEER ESTA ENTRADA EN ESPAÑOL

Un dos aspectos que máis frea o profesorado á hora de decidirse a abordar o tema do abuso sexual na aula é o medo a xerar alarma. Nesta entrada quixeramos achegarvos un abano de recursos que permitan iniciar o proceso e dotar de estratexias contra o abuso ao voso alumnado, sen falar propiamente del.

O pasado curso chegou ao noso centro un email no que a Xunta de Galicia, en colaboración coa asociación AMINO Galicia, nos ofertaba unha formación enmarcada dentro do programa «Poñendo os lentes para a protección da infancia». Esta formación buscaba previr, detectar e frear o abuso sexual infantil. O curso, estruturado inicialmente de xeito presencial, tivo que desenvolverse online por mor do confinamento.

A formación inicial que nos ofreceron foi moi esclarecedora, ao tempo que dura. Tras escoitar porcentaxes, estatísticas e situacións reais nas que o profesorado detectou abusos, decatámonos do pouco que sabiamos sobre o tema. Nas facultades de Ciencias da Educación non adoita impartirse formación e tampouco, unha vez que accedemos ás aulas, se nos capacita por parte dos Centros de Formación da Consellería de Educación.

Pensamos que a formación neste ámbito debera ser un requisito necesario para o acceso á docencia, pois dotar o alumnado de recursos de prevención dende as etapas iniciais e establecer redes seguras, reduciría enormemente o número de casos de abuso sexual infantil.

A formación inicial consistiu nun achegamento ao concepto de abuso sexual:

  • Falamos da súa tipoloxía: agresión sexual, explotación, exhibicionismo, tocamentos ou estimulación precoz da sexualidade.
  • Desmitificamos algunhas crenzas socialmente aceptadas (como a de que a persoa que abusa é unha descoñecida, pois no 85% dos casos o abuso é cometido por alguén achegado á familia ou membro dela).
  • Detivémonos no perfil da persoa agresora, nas súas estratexias e de como emprega o vínculo que ten coa vítima para exercer poder sobre ela.
  • Revisamos os indicadores inespecíficos, os probables e os altamente específicos (físicos, psicolóxicos e condutuais) a observar para unha mellor detección, diferenciándoos das condutas sexuais propias para cada franxa de idade.
  • E por suposto, revisamos os pasos legais a seguir en caso detectar algún destes indicadores nunha das nosas alumnas ou dos nosos alumnos.

Despois deste primeiro encontro e concenciadas como estabamos da importancia de continuar medrando neste plano, inscribímonos nunha segunda formación, centrada na franxa de idade do noso alumnado (Educación Infantil) e orientada á prevención. Neste punto é no que quixeramos deternos nesta entrada, pois todas e todos podemos e DEBEMOS ensinar a poñer límites, a escoitar o corpo e a pedir axuda.

Por onde comezar?

Como diciamos ao principio da entrada, podemos axudar as pequenas e os pequenos neste proceso de prevención sen falar necesariamente de abuso sexual. Nas nosas aulas, cada día, xorden conflitos de diversa índole entre o alumnado ou, mesmo, deste coas persoas adultas. Estes conflitos xestionados axeitadamente (ás veces só coas persoas implicadas e ás veces compartíndoos nas asembleas de aula) poden axudar a asentar as bases do autocoidado, do respecto e da prevención contra o abuso e o maltrato. Dende AMINO Galicia, destacaron 5 aspectos fundamentais a traballar neste senso:

COMPRENDER AS TRIPAS. O noso corpo fálanos constantemente. Cando algo nos gusta, reláxase. Pola contra, ante o perigo, ténsase (nas e nos pequenas/os, moitas veces, en forma de dor de estómago). O problema é que, co paso dos anos, apagamos ese interruptor de alerta e deixamos de facerlle caso ao corpo e á intuición. Esa sensación nas tripas, a pel de galiña, a incomodidade física ante determinadas persoas que se nos achegan… está a alertarnos de que algo non vai ben. Non se trata de prexulgar a xente nin deixarse levar cegamente por estas reaccións corporais (ás veces sutís), pero escoitalas e observar en que situacións ocorren poder salvarnos de moitos perigos. Como adultas, pasamos o día baixando o interruptor da intuición e quizais deberiamos reflexionar sobre isto e reactivar en nós a súa escoita para logo ser quen de axudar o alumnado a facelo. Como o fago en Educación Infantil? Despois dun conflito, cando as partes implicadas están listas para falar, comparten como se senten e as razóns de sentirse así. A este proceso podemos engadir a verbalización da parte do corpo no que senten esa emoción, pois cada unha se sitúa nun lugar diferente segundo a persoa. Por suposto, o ioga e os exercicios de respiración e concienciación corporal son grandes facilitadores.

QUERER BEN – QUERER MAL. Este é un claro exemplo dun tema que, ademais de poder ser traballado especificamente na aula, pode abordarse tamén nas situacións de conflito que xorden a diario. Cantas veces nos atopamos con situacións como: «profe, María díxome que se non a convido ao meu aniversario xa non vai ser máis a miña amiga»? Non se trata de dividir as persoas en boas ou malas, senón, sobre todo nestas idades, de identificar situacións nas que me están a coidar ou non. Como o fago en Educación Infantil? Nos momentos de conflito podemos axudar o alumnado a reflexionar sobre a conduta con este enfoque. Tamén podemos facer unha chuvia de ideas específica sobre situacións concretas que o alumnado propoña na asamblea.

*De todas maneiras, dende SEF, parécenos que o concepto «querer mal» aínda que pode ser entendido nestas idades, é contraditorio. A palabra «querer» necesariamente implica amor e o bo trato, polo que non se podería querer mal.

SEGREDOS BOS – SEGREDOS MALOS. Descartar o segredo é vital porque a persoa agresora válese del para perpetuar o abuso. Como o fago en educación infantil? Na aula será de utilidade reflexionar sobre que os segredos bos fante sentir ben a ti e á outra persoa cando os descobre (por exemplo cando lle estás a preparar unha sorpresa de aniversario a unha amiga). Pola contra, os segredos malos xeran malestar no corpo e nos pensamentos, «fan dano». Alguén que te quere NUNCA pedirá que lle gardes un segredo que te manca (por exemplo, cando unha persoa lle quita a merenda a outra e lle di que non diga nada a ninguén porque non lle van crer). Como o fago en Educación Infantil? Ao igual que no caso anterior, podemos poñer exemplos de situacións nas que o alumnado deba detectar se o segredo é bo ou malo e se consecuentemente debe gardarse ou contarse a alguén de confianza.

PEDIR AXUDA. Partindo da lexitimación do sentimento de medo e vulnerabilidade que se pode sentir nunha situación de maltrato e abuso, o alumnado debe comprender que sempre hai persoas ás que poden acudir. Persoas de confianza ás que pedir axuda. Como o fago en educación infantil? podemos axudar o alumnado a crear unha lista das persoas achegadas (familiares, mestras/es, amizades) que consideren de confianza e coas que se sentan protexidas (haberá que afondar neste concepto primeiro). Este listado non só permite ás pequenas e pequenos establecer redes, senón tamén saber a quen acudir en situacións de abuso, maltrato o doutro tipo.

POÑER LÍMITES AO MEU CORPO: Por último, dende a asociación, achegáronnos un recurso moi interesante (do que xa tiñamos información grazas a unha familia do centro): o conto LA REGLA DE KIKO (no enlace atoparedes máis información e un vídeo). Este conto fala de como Kiko pon límites no contacto coa súa amiga a man. A este recurso, quixeramos engadir outro que recentemente chegou ás nosas mans e que nos parece perfecto para traballar na aula de infantil: ¡MI CUERPO ES MIO! da Editorial Juventud. Ambos facilítannos dunha maneira amena abordar o tema do corpo e dos límites máis directamente. Como o fago en Educación Infantil? Falando do espazo persoal (por exemplo, coa axuda de xogos de movemento nos que o alumnado debe evitar chocarse cos/coas demais persoas mentres levan un aro arredor da cintura) ou ensinando a dicir NON e PARA (estendendo a man coa palma aberta para impoñer una distancia mínima entre a outra persoa e nós). Dende as familias podemos facilitar este aspecto con cousas tan sinxelas como pedir permiso ás nosas/os fillas/os para tocar o seu corpo no momento de axudarlles a bañarse, vestirse,…

Agardamos que esta entrada vos fose de utilidade e, sobre todo, que espertase o voso interese por formarvos nun tema que require a colaboración de todas/os. Podedes poñervos en contacto coa asociación AMINO Galicia para máis información, asesoramento ante situacións que se vos presenten nas aulas ou para recibir esta formación que aínda se está a impartir.

Un comentario en “Prevención do abuso sexual en educación infantil

Deja un comentario