O amadriñamento e o apadriñamento nas nosas aulas (1ª parte)

LEER ESTA ENTRADA EN ESPAÑOL

A proposta de amadriñamento e apadriñamento que desenvolvemos, quere ir máis aló do mero apoio lector que se fai nos centros. Busca a creación real de vínculos internivel entre alumnado de diferentes aulas. Busca que as pequenas e os pequenos teñan referentes nos cursos superiores, que lles faciliten as transicións entre etapas, que os aconsellen e acompañen ao longo da educación infantil e primaria. Busca o protagonismo activo por parte de todo o alumnado e que as maiores e os maiores asuman responsabilidades e desenvolvan dinámicas de coidados cos seus iguais.

Esta iniciativa, de aprendizaxe-servizo fomenta a colaboración e cooperación pero, especialmente, a inclusión, a solidariedade e a convivencia positiva. Quere dar resposta a esa necesidade real de acompañar e de ser acompañadas/os por parte do alumnado e tamén atender as necesidades sentidas por nós como docentes, como comunidade educativa.

A idea levaba nas nosas cabezas xa varios anos. Coa xeración que comezou 4º de educación infantil no curso 2019-20 percorremos os primeiros pasos, pero a chegada da COVID19 paralizou as nosas vidas ata tal punto que, como tantas outras cousas, a idea tivo que gardarse nun caixón.

Neste curso 2022-23, déronse as condicións idóneas para poder comezala coa nova xeración que iniciaba escolaridade no centro. Ademais, quitámonos a espiñiña da paralización do proxecto anterior, pois aquel grupo (que este curso comezaba 1º de primaria), pasaría a ser o de madriñas e padriños do noso novo alumnado.

Decidimos tomar con calma o proxecto e planificar ben as actividades, xa que a nosa intención é que se prolongue, como mínimo, os 3 cursos da educación infantil. 

Comezamos falando co profesorado de primaria para saber o seu grao de implicación nesta tarefa conxunta e a súa dispoñibilidade. A resposta non puido ser máis favorable e, coa súa colaboración, decidimos dedicar o primeiro trimestre ao coñecemento mutuo (4ºA-EI con 1ºA-EP e 4ºB-EI con 1ºB-EP), sen presión e tendo en conta que o alumnado de 4º de educación infantil estaba a pasar polo seu propio proceso de adaptación ao novo centro.

Durante os meses de outubro, novembro e decembro, organizamos 5 sesións de xogo libre no patio e nas aulas, así como merendas conxuntas. A única premisa que recibiu o alumnado é que tiña que facer o posible por relacioanrse co máximo número de persoas da outra aula. Pero o certo é que, ao pouco de comezar, as afinidades foron abríndose paso. O profesorado de primaria e o de educación infantil, limitouse a observar as relacións que se ían establecendo e a apoiar o alumnado máis tímido.

Xusto antes do Nadal e tras preguntar ás nenas e aos nenos que preferencias tiñan nos emparellamentos, establecemos os grupos afillada/o-madriña/padriño. Dicimos grupos e non parellas porque este curso contamos con menos alumnado en educación infantil e polo tanto, nalgunhas ocasións, unha afillada ou un afillado tiña 2 madriñas ou padriños.

Durante o segundo trimestre, desenvolvemos dúas propostas moi motivadoras. A primeira delas consistiu na lectura, por parte do alumnado de 1º de primaria, do seu conto favorito ás afilladas e aos afillados. Por suposto que o nivel de lectoescritura de cada persoa é diferente neste punto, polo que a elección do conto favorito tiña como obxectivo, ademais da consolidación dos vínculos, o reforzo da autoestima do alumnado maior. O conto favorito pódese contar, como case calquera outro libro, lendo as letras, lendo as imaxes ou volvendo contar a historia que xa temos gardada nas nosas cabezas.

Máis adiante, cando o alumnado de 4ºEI rematou de abrir nas aulas as caixas dos sentires, estas foron compartidas coas madriñas e cos padriños. Foi un momento moi emotivo!

Durante o terceiro trimestre, afilladas e afillados e madriñas e padriños, compartiron aprendizaxes sobre o corpo humano a través do debuxo conxunto da silueta das máis pequenas e dos máis pequenos e das partes do seu corpo.

Rematamos o curso cunha actividade de elaboración de pulseiras.

Cada alumna/o de 1ºEP creou dúas pulseiras: unha co seu nome para agasallar con ela á sua afillada ou ao seu afillado e outra para sí mesmo/a co nome da/o afillada/o.

As pulseiras entregaranse o último día de curso para manter o vínculo durante as vacacións.

C o n t i n u a r á . . .

4 comentarios en “O amadriñamento e o apadriñamento nas nosas aulas (1ª parte)

  1. Susana dijo:

    Paréceme un traballo por parte dos mestres moi acertado para os nenos. Os de Primaria estiveron moi emocionados coa emoción de ter os seus propios afillados e a aprendizaxe que levan é moi bonita.

    Me gusta

Deja un comentario