Afectos e memoria I: lectura e infancia

LEER ESTA ENTRADA EN ESPAÑOL

Presentámosvos un traballo que realizou unha de nós para a Revista Grial, que vén de ser publicado no seu espazo O espello das letras.

Achegámonos á obra de Tomie de Paola: Avoa de arriba e avoa de abaixo. Agardamos que sexa do voso interese e que complemente a seguinte entrada, que trata tamén de afectos e memoria («Afectos e memoria II: propostas interxeracionais»).

Este álbum ilustrado é un fermoso agasallo que nos fixo, no seu momento Tomie De Paola (1934-2020), e que agora nos achega a editorial Kalandraka.
Esta obra foi escrita hai cincuenta anos e, vinte e cinco anos despois da súa primeira publicación, o seu autor amplía a paleta de cores nas súas ilustracións porque, como el mesmo sinalaba, a súa maneira de debuxar mudara algo co tempo. Se ben, como tamén apuntaba De Paola: “era importante manter o sentimento e a nostalxia que tiña o orixinal e intentei conseguilo utilizando cores suaves”.
Ao achegar esta obra á aula de educación infantil, reparamos na portada e mastigamos o título. A ilustración que presenta o álbum seméllalle ao noso alumnado unha mira pola que entrar na casa das dúas avoas. Unha ilustración que tamén porá o punto final á historia. Ollamos despois a contraportada e aquí si que interpretan esta imaxe como unha fotografía no seu marco e, asemade, o por que de que haxa unha avoa de arriba e outra de abaixo.
Coñecemos o autor, achegamos á aula outras obras e comparamos as súas ilustracións.

As nosas alumnas e os nosos alumnos, que moitas veces ven máis alá do que vemos nós, pronto atopan parecidos físicos entre o propio autor e a avoa de abaixo e entre Tomi, o protagonista desta historia e Oliver, personaxe principal de Oliver Button é unha nena, outro grande relato de De Paola.
As gardas, neste título lisas e nunha sutil cor salmón, resultan moi amigables e convídannos a escoitar e ollar relaxadamente unha historia familiar na que hai un protagonista principal, Tomi, que adoita ir a todas partes cun coelliño de peluxe… que para os nenos e nenas da nosa aula de infantil tamén forma parte da familia!
Tomi está moi apegado á súa xente, especialmente á súa avoa, a avoa de abaixo, e á súa bisavoa, a avoa de arriba. Esta última estaba sempre no cuarto, na parte de arriba da casa e convivía coa avoa de abaixo e co avó Tomás.
O nome do avó tampouco pasa desapercibido para o noso alumnado, que axiña se pon a comparar e xogar cos nomes e achega as súas propias conclusións.
A avoa de abaixo é unha grande coidadora, unha estupenda reposteira, unha muller sempre alegre e cariñosa.
A avoa de arriba agarda a Tomi cada domingo para darlle un dos seus “caramelos de menta”, tan especiais e que garda nunha caixa de costura. Tomi comparte con ela os seus xogos e o seu coelliño e a a avoa de arriba achégalle as historias de “trasnos”, que seguramente a ela lle contaran de pequena.
O protagonista desfruta do tempo na casa das avoas e gusta de ver como se desenvolven os coidados que precisa a avoa de arriba, participa deles e non entende, por outra banda, que o seu irmán non o perciba así.
É unha historia autobiográfica, un “libro da memoria” de Tomie De Paola que pon en valor o agarimo familiar e axuda a entender e a superar a morte.
Unha viaxe dun cativo que vai medrando como persoa, en grande medida debido aos apegos que como neno foi construíndo grazas ás súas avoas.
Unha obra moi recomendable pola calidade literaria e plástica, que aborda a temática dos afectos e da morte. Un texto que pon en valor a importancia do acompañamento da persoa adulta, que é a que pode axudar as pequenas e os pequenos a identificar emocións e a desenvolver a habilidade de regulalas.

Un comentario en “Afectos e memoria I: lectura e infancia

Deja un comentario