Pegadas de Paz (30 de xaneiro)

LEER ESTA ENTRADA EN ESPAÑOL

Na entrada EDUCANDO PARA O CONFLITO: 30 DE XANEIRO, DÍA ESCOLAR DA PAZ, reivindicabamos a palabra «nonviolencia», reflexionabamos sobre a idea de «educar para o conflito» e achegabamos á visión de Paco Cascón sobre como partir do traballo afectivo e emocional para crear culturas de paz.

Nesta entrada, queremos amosarvos un pequeno exemplo do traballado na escola en favor da paz partindo por suposto de que a paz (neste momento histórico principalmente) se constrúe en comunidade e no día a día.

En ocasións, moitas veces como resultado das dificultades de regulación emocional das persoas adultas, verbalizamos co alumnado (incluso expoñéndoo ante o grupo) os erros e deficiencias que apreciamos na aula. Pouco espazo queda habitualmente para resaltar os pequenos detalles que marcan a diferenza. Por iso, pareceunos boa idea que partise do profesorado a primeira edición dunha proposta que desexamos que perdure no tempo na nosa escola. Agardamos que se convirta nunha tradición, para que o alumnado a interiorice e a extrapole en calquera época do ano, independentemente da celebración do 30 de xaneiro.

A proposta que desenvolvemos consistíu precisamente en observar os pequenos actos de bondade, solidariedade e axuda cos que o alumnado agasalla ás/aos compañeiras/os e mesmo ás/aos docentes nun día calquera de escola.

Pero unha misión así non pode deixarse para o 30 de xaneiro. Comezamos o proceso no mes de novembro, pouquiño a pouco. O profesorado dispoñía dunha enquisa enviada ao email na que volcar datos como: o seu nome, a descrición do feito observado, o nome das persoas implicadas e a data. Con esta información, os equipos de extraescolares, EDLG e Plan Dixital, confeccionaron os posters da exposición Pegadas de Paz que situamos na entrada da escola, para que todo o mundo se achegara a vela.

Agardamos que a iniciativa creza e se asente co paso dos cursos para continuar aportando o noso pequeno gran de area na creación dunha escola unida, cooperativa e en paz.

Un comentario en “Pegadas de Paz (30 de xaneiro)

Deja un comentario